A granxa de Briz, a ritmo de rock con Vortex, The Bodysnatchers, Nihil, In Mare e October Town
Por Alejandro Espiño
Cinco bandas emerxentes do rock galaico unirán as súas forzas este venres 5 de xullo para encher de enerxía e boa música o auditorio ao aire libre da Granxa de Briz (Marín). Será durante a terceira edición do festival de rock que pon o broche de ouro ás actividades que, cada curso escolar, desenvólvense en ditas instalacións lúdico-educativas.
A partir das 18.30 horas soará a música de dúas bandas de Pontevedra, Vortex e The Bodysnatchers; dúas de Marín, Nihil e In Mare e unha quinta formación, October Town, chegada desde Vigo, un grupo que asegura ter "moitas ganas de rock" e que naceu hai apenas dous anos.
Con este concerto, Nihil, un dos grupos anfitriones, presentará tanto novo cantante como novo traballo (Nights of Silence). Esta formación de metal, nacida en 2007, compartirá escenario cos seus veciños In Mare, unha banda de estilo metalcore cuxas influencias son grupos como ParkwayDrive, Trivium, As I Lay Dying ou August Burns Rede, entre outros.
Pola súa banda, Vortex empezou a súa carreira hai tres anos tocando versións de grupos como Bullet For My Valentine, Metallica ou Avenged Sevenfold, pero pronto comezaron a traballar nos seus propios temas; mentres que The Bodysnatchers é unha banda de rock alternativo, influenciada por grupos como Smashing Pumpkins, Weezer, Radiohead, Pearl Jam ou Green Day.
Os organizadores do festival recordan que para o público asistente que veña desde Pontevedra, ás 23.15 horas, pouco despois do concerto que está previsto que finalice sobre as once da noite, terán á súa disposición autobús da liña regular Marín - Pontevedra, que sairá da parada situada nas proximidades da Granxa de Briz.