A Banda de Salcedo volve ás rúas
Por Oskar Viéitez
Os actos na rúa teñen un especial protagonismo dentro dos actos do vinte e cinco aniversario da creación da Asociación músico-cultural San Martiño de Salcedo.
Este xoves presentouse a programación para os próximos meses que inclúe unha exposición de videos e fotografías de toda a súa traxectoria, incluíndo algunhas conferencias a cargo de antigos directores e directivos vinculados con esta agrupación.
Pero os eventos máis celebrados por parte da concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, foron os programados nas rúas e prazas da cidade "a Banda de Salcedo volve ás rúas" chanceou a edil.
O máis singular destes concertos terá lugar o 23 de xullo na Ferrería, acompañados de María do Ceo, para interpretar temas do repertorio da cantante galaico-portuguesa.
Pero o programa inclúe numerosas actividades máis como unha Escola de verán, unha Aula de percusión ou unha serie de concertos didácticos para os colexios de Pontevedra.
Anxos Riveiro felicitou á asociación pola súa feliz traxectoria que se iniciou con apenas 25 pais e que a día de hoxe suma máis de 150 socios e preto de 300 músicos en catro agrupacións con nome propio: a Banda Infantil, a Banda Xuvenil, a Coral Polifónica e a Banda de Música de Salcedo, ademais unha Escola de Música.