As Letras Galegas de Filgueira Valverde terán que esperar
Por Redacción
O Día das Letras Galegas 2014 non terá acento pontevedrés. O escritor e intelectual Xosé Filgueira Valverde era un dos catro candidatos entre os que debíá elixir a Real Academia Galega para suceder ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño. Finalmente, o elixido foi Xosé María Díaz Castro (1914-1990), autor do poemario Nimbos (1961), considerado un dos cumes da poesía galega moderna, e que contén o célebre poema Penélope.
A decisión tomouse no pleno da RAG celebrado este venres en Santiago de Compostela e coa elección finalmente adoptada faise coincidir a homenaxe a Díaz Castro co centenario do seu nacemento. Non obstante deixa fóra as esperanzas pontevedresas para render tributo ao impulsor do Museo de Pontevedra o próximo 17 de maio.
A posibilidade de dedicar a Xosé Filgueira Valverde o Día dás Letras Galegas é un obxectivo largamente anhelado polo sector cultural pontevedrés. A última vez que se intentou conseguir o seu nomeamento foi o ano pasado. A súa candidatura, igual que a do escritor Carlos Casares, foi derrotada pola de Roberto Vidal Bolaño.
Xosé Filgueira Valverde foi unha das figuras máis destacadas da cultura galega do século XX. Naceu en Pontevedra en 1906, cidade na que faleceu noventa anos despois. Comezou a súa carreira como mestre traballando de axudante no Instituto de Ensino Medio de Pontevedra con apenas 22 anos, pouco logo de licenciarse en Dereito. Sete anos máis tarde converteríase en Catedrático de Lingua e Literatura Española.
Tras exercer como mestre en Barcelona, Melilla ou Lugo, en 1939 trasládase ao Instituto de Pontevedra, centro do que será nomeado director en funcións en 1944 e efectivo en 1946. Permanecerá no cargo, sen solución de continuidade xa, ata a súa xubilación académica en outubro de 1976. Unha traxectoria profesional que compaxinou coa súa faceta como escritor, investigador, intelectual e político, chegando a ser Conselleiro de Cultura entre 1982 e 1983.
Non foi o de Conselleiro o único cargo de carácter político que ostentou Filgueira Valverde durante a súa vida. Foi alcalde de Pontevedra entre 1959 e 1968, aínda que moito máis atrás, entre 1931 e 1936, desenvolvera unha moi intensa actividade política, primeiro en relación co Partido Galeguista e, posteriormente, en Dereita Galeguista, partido nado en 1935 dunha escisión ideolóxica e estratéxica do anterior.
Ao longo da súa vida, Filgueira Valverde participou de xeito decidido e decisiva na creación ou potenciación de numerosas institucións, entre elas o Seminario de Estudos Galegos, o Instituto Pai Sarmiento de Estudos Galegos, o Consello dá Cultura Galega e, por suposto, o Museo de Pontevedra, do que foi director entre 1940 e 1986. Formou parte do seu primeiro patronato xunto a figuras como Daniel de la Sota, Casto Sampedro, Castelao, Losada Diéguez ou Sánchez Cantón. ÿ a el a quen se lle responsabiliza da súa plena consolidación e proxección.
En canto á súa obra literaria, Filgueira Valverde é autor dunha copiosísima produción científica. Recoñécenselle máis de 2.000 publicacións. A súa maior actividade concentrouse na historia, a arqueoloxía, a antropoloxía, a arte e a literatura, con destacadas incursións tamén, neste caso, no terreo da creación, prosa e poesía. Para moitos, o seu mellor traballo son as nove entregas da obra xenéricamente titulada Adral, unha recopilación de artigos de alcance e significación moi dispar publicados, particularmente, en Faro de Vigo.