O vilagarcián Gonzalo Arca, único galego entre os finalistas do concurso Budweiser Emerge
Por Redacción
O público converteuno o pasado mes de marzo no gañador do Fest2013, o concurso de bandas e artistas emerxentes organizado polo Local de Música de Pontevedra. E de novo, o voto popular pode levar a Gonzalo Arca a lograr un novo recoñecemento. O músico arousano é o único artista galego entre os dez finalistas do concurso Budweiser Emerge, tras ser seleccionado entre máis de 170 bandas de todo o país.
O certame ten como premio actuar no Low Cost Festival de Benidorm compartindo cartel con grupos nacionais e internacionais de primeiro nivel como Two Door Cinema Club, Portishead, Belle And Sebastian, Delorentos, Toy, Love of Lesbian, Los Enemigos ou Lori Meyers, entre moitos outros.
O público deberá decidir cos seus votos que formación ou solista levarase o gato ao auga e alcanzará tan xugoso premio. Destes dez grupos seleccionados pasarán á gran final os tres máis votados. Será entón cando un xurado especializado elixa ao ganador do concurso.
Para votar por Gonzalo Arca só hai que visitar o seguinte enlace: http://budweiseremerge.lowcostfestival.es/bandas-inscritas/125/gonzalo-arca/page-3/, introducir un email, o código captcha que se pide e clickar en VOTAR. Acto seguido recibirán un correo en dito email (pode aparecer en spam) con outro enlace que deberán pinchar para confirmar o seu voto. O prazo para votar termina o 2 de xullo.
Gonzalo Arca (Vilagarcía de Arousa, 1983) comezou a súa carreira no ano 2000 como vocalista da banda Vado Permanente, coa que gravou o álbum Debo más de lo que puedo. Tras un errado fichaxe por unha multinacional, en 2005 o grupo sepárase. O ano seguinte aparece xunto ao guitarrista de Vado Permanente, Pablo Pérez, nun novo proxecto The Preachers Of Rock & Roll. Esta vez o formato é acústico e van combinando os seus temas propios cos grandes clásicos do rock e o blues.
En 2010 entrou a formar parte da veterana banda de rock galega Sugar Mountain, para ocupar o posto de vocalista trala marcha de Javier Ruano. Afronta agora a súa carreira en solitario. No seu repertorio conviven temas propios e versións de artistas da talla de Bob Dylan, The Beatles, Chris Robinson ou The Rolling Stones. En breve comezará a gravación do que será o seu primeiro traballo discográfico.