Investigadores de Belas Artes expoñen as súas obras no Pazo de Torrado
Por Oskar Viéitez
Ata o vindeiro 20 de xullo no Pazo de Torrado un grupo de seis investigadores do Departamento de Escultura da Facultade de Belas Artes presenta a súa última proposta expositiva, e xa van catro, dentro do proxecto de colaboración, en materia de divulgación artística, existente entre a Universidade de Vigo e o Concello de Cambados.
Seis proxectos de espazo para un espazo, é o nome da iniciativa que xorde baixo a premisa de adecuar as obras destes artistas ás distintas salas do pazo, explica o comisario da mostra, o profesor Javier Tudela.
Son traballos de Alexandre Costa, Jesús de la Iglesia, Joan Moreira, Lucía Romaní, Carla Salgado e Carlos Suárez.
Esta iniciativa "é un xeito de manter o diálogo para que os 25 quilómetros que nos separan non sexan un obstáculo, para que un lugar como Cambados, tan xeneroso coa creación artística, e a nosa facultade, que está a transformar a paisaxe da arte contemporánea galega, poidan continuar redescubríndose e conversando", salienta o docente de Belas Artes.
A mostra que leva xa uns días aberta ao público está a contar con moi boa acollida por parte do público xa que "esperta o seu interese por ser simplemente unha mostra totalmente diferente ás que soe acoller o Pazo de Torrado", explica Tudela.
A fotografía en 3D, o debuxo artístico ou simples obxectos de uso común centran boa parte desta exposición que pretende amosar, unha vez máis, que a Facultade de Belas Arte "é un centro de produción artístico de alto nivel, ao tempo que centra boa parte das transformacións do ámbito das artes plásticas no país".
A exposición pode visitarse de martes a venres entre as 17.00 e as 20.00 horas. Os sábados, domingos e festivos haberá dúas quendas. A primeira en horario de mañá entre as 11.00 e as 13.30 horas e pola tarde de 17.00 a 20.00 horas.