Nova vida para o Gónviz? Proxectan crear no antigo cine un espazo cultural multidisciplinar
Por Alejandro Espiño
Días despois do peche dos cines de Cinebox Vialia, chega unha boa noticia para a cultura. Un grupo de empresarios buscan recuperar o espírito do cine Gónviz. Proxectan crear un espazo cultural multidisciplinar na parte do antigo cine que non ocupou Zara Home. Así o desvelou o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, trala comisión municipal na que se analizou este proxecto.
A tenda da multinacional Inditex ocupa desde hai anos o vestíbulo e o sótano do cine Gónviz, que pechou en 2001. O patio de butacas, situado na parte interior da mazá, segue sen uso desde entón. ÿ precisamente o espazo que se pretende reutilizar con este proxecto. A súa intención é destinalo a representacións teatrais e concertos e contaría ademais cunha sala de exposicións, cafetería e restaurante.
En concreto, na planta baixa (694 metros cadrados) habilitarianse almacéns, baños e unha sala de 276 metros cadrados para representacións teatrais e proxeccións. Inclúese ademais un escenario, unha barra de bar-cafetería, vestiarios e accesos desde a galería lateral do antigo cine.
A primeira planta (547 metros cadrados) preténdese destinar a baños, vestíbulo, almacén, tres aulas, enfermería e anfiteatro de 118,7 metros cadrados, orientado cara ao escenario. E na segunda planta (420 metros cadrados) situaríanse baños, almacéns, tres oficinas, unha sala de proxección e unha sala de exposicións de 122 metros cadrados.
"Trátase dun proxecto que ten a música, as artes plásticas e o teatro como soportes", explicou o concelleiro socialista. Polo momento, os seus impulsores requiriron información urbanística sobre este proxecto. Inicialmente emitiuse un informe desfavorable por parte dos arquitectos municipais "porque incumpre a normativa anti incendios ao ter a entrada e saída non mesmo punto das galerías".
En todo caso, Louro asegurou que se trata dunha deficiencia subsanable "porque poderán xustificar que pode haber un acceso diferente" e mostrouse encantado con este proxecto do que tivo coñecemento hai uns tres meses. "ÿ unha idea magnífica que o cine Gónviz poida recuperar a súa actividade cultural".