Centos de persoas achéganse pola Festa dos Libros na súa primeira xornada
Por Redacción
O escritor David Neira foi o encargado de abrir a edición deste ano da Festa dos Libros para falar do seu traballo '363 TQ'. A continuación, tres personaxes relevantes da vida cultural pontevedresa, Rafael López Torre, Rafael Fontoira e Xosé Fortes mantiñan un coloquio sobre a Pontevedra literaria dirixido polo xornalista Miguel Ángel Rodríguez, director do Diario de Pontevedra. Tras eles, Rosa Espiñeira presentaba a súa obra 'Certezas alumeadas'.
Durante a tarde, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores inauguraba oficialmente esta segunda edición para dar paso á xornalista e pregoeira das festas da Peregrina deste ano, María Varela, na súa presentación do último traballo de Francisco Narla.
'Ceiba de Luz', de Manuel Lourenzo foi o seguinte libro que centrou a actividade no escenario da carpa situada na praza da Ferrería. A partir das 21.00 horas vai desenvolverse unha mesa redonda sobre a escritora María Victoria Moreno coa intervención de Fina Casalderrey, Montse Fajardo, Ánxela Gracián, Eli Ríos, Montse Pena e Xavier Senín. Tras o coloquio vai proxectarse o documental 'María Victoria Moreno. Galega por amor'.
As actividades continuarán ao longo do sábado e do domingo nesta carpa. Este sábado, ás 11.00 horas, Marcelino Agís falará sobre 'La historia de la Filosofía', que continuará coa intervención da xornalista Marga Tojo, que publica o seu primeiro libro infantil 'Cara de velocidade', editado por Kalandraka. A partir das 11.30 horas, a escritora Montse Fajardo levará a cabo unha nova visita literaria polas rúas de Pontevedra. O percorrido iníciase na praza de España.
Entre outros actos ao longo do día, Diego Ameixeiras presentará 'A crueldade de abril' a partir das 13.30 horas. Durante a tarde, a partir das 19.00 horas, destaca a presenza de Rafa Cabeleira para falar con Xabier Fortes e Rodrigo Cota sobre o libro 'Alineación indebida'. A continuación Manel Loureiro, o popularmente coñecido como o Stephen King español, tratará sobre a escritura dunha novela e a escritura televisiva. A xornada vai pecharse ás 22.00 horas co concerto de Azul de Bueu, unha proposta que combina o jazz coa música moderna.
Ao longo destas xornadas desenvólvense diferentes actividades e obradoiros para escolares, co obxectivo de que se acheguen ao mundo literario.
Relacionadas:
-
As librarías de Pontevedra volven saír á rúa no Día das Letras Galegas
Por Redacción |
-
RADIO.- Cara a cara: David Neira, "363 maneiras de conxugar o amor e as súas sabas".
Por Marisa Ciordia |
-
Éxito de actividades e participación na Festa dos Libros
Por Redacción |
-
Kalandraka celebra os seus 20 anos reunindo máis dunha ducia de autores na Festa dos Libros
Por Oskar Viéitez |
-
Quince librerías pontevedresas participan esta fin de semana na Festa dos Libros 2018
Por Redacción |
-
Chegan as Festas de Verán, tres meses de actividades "case a diario"
Por Alejandro Espiño |