Músico, aprende a perder o medo escénico!
Por Redacción
Quedan poucas prazas libres xa para que os estudantes de música se matriculen no Curso Musical Manuel Quiroga no que 25 participantes recibirán durante cinco días unhas clases para mellorar o dominio sobre o escenario, os hábitos de estudo, a improvisación, o traballo de coro ou o dominio do medo escénico.
Este venres, a acordeonista Nerea Rodríguez e o gaiteiro Álvaro Carballo presentaban o curso, acompañados pola concelleira de Festas, Carme da Silva. A proposta, segundo explicaron, busca que os músicos adquiran unha formación amena e compartan experiencia con outros mozos intérpretes.
O curso desenvólvese entre o 9 e o 13 de xullo durante as mañás e cada estudante contará con clases adaptadas ao seu nivel musical. O límite de inscripción é o 29 de xuño e poden apuntarse todos aqueles estudantes entre 8 e 20 anos de idade a través do correo: asocmusicaviva@gmail.com.
A folla de inscrición pode solicitarse a través do email da asociación Música Viva e na páxina web deste curso, que conta co apoio do Concello de Pontevedra. A matrícula ten un prezo de 20 euros. As clases van impartirse no Conservatorio Profesional Manuel Quiroga.
A actividade inclúse na primeira edición do Festival de Música de Cámara Cidade de Pontevedra, que ofrecerá concertos os días 9 e 12 de xullo ás 20.30 horas no convento de San Francisco nos que participarán os outros dous profesores do curso, Alba Reirís, unha cellista que vén de ofrecer concertos en Bélxica e o frautista Juan Cernadas, que tocou coa Mahler Orquestra. Tamén está previsto para o 13 de xullo un concerto final de curso no Teatro Principal. Todos eles son gratuítos.