O Museo acolle a exposición das obras gañadoras de Novos Valores 2017
Por Redacción
Esculturas realizadas con pan, a relación entre o corpo e a pintura, un totem de catro metros de altura e o contorno da estrada N-541 son as propostas que forman parte da mostra colectiva 'Novos Valores 2017', que este xoves inaugurábase no Sexto Edificio do Museo.
Yolanda Ríos, Malú Feijoo, Aitor Víctor Fernández e Borja Guerreiro son os catro artistas gañadores da última edición deste certame de creación artística.
No apartado de escultura escolleuse a obra titulada 'Balcones (serie)', realizada en madeira de balsa pola buenense de Yolanda Ríos. Na categoría de 'Varios', o xurado seleccionou a obra 'Espacios definidos', unha peza na que se mesturaba debuxo e fotografía, a cargo de Malú Feijoo, de Baiona. A obra gañadora do apartado de fotografía foi 'Crebas de ti, eu', de Aitor Víctor Fernández, de Ourense. Por último, 'A viaxe', do artista de Cariño Borja Guerrero, vencía na sección de debuxo.
Cada un dos vencedores recibiu un premio dunha bolsa de 1.500 euros para ampliación de estudos ou proxecto artístico.
99 OBRAS PARA 'NOVOS VALORES 2018'
O xurado do certame Novos Valores 2018 mantivo o primeiro encontro para seleccionar as obras que participarán na próxima mostra. Nesta edición recibíronse un total de 99 obras, das que 19 corresponden á categoría pintura; 26 a escultura; 17 a fotografía, 7 obras de vídeo creación; 10 en debuxo; 8 en gravado; 2 en deseño e 10 no apartado de varios.
O xurado está integrado polo artista nado en Marín, José Solla; pola artista e gañadora de Novos Valores 2016, María Maquieira; polo artista e gañador de Novos Valores 2016, Olmo Cuña; pola decana da Facultade de Belas Artes, Silvia García; polo director do Museo, Carlos Valle; pola técnico provincial de Xestión Cultural María del Carmen Baloira; e polo xefe do Servizo de Cultura e Lingua, Antonio Santos, como secretario.