Chévere e o Centro Dramático Galego traen a Pontevedra a súa revisión da obra Divinas Palabras
Por Redacción
Por mor da morte de Xoana, a súa irmá e a súa cuñada dispútanse a custodia do seu fillo orfo, que se resolve por un sistema de quendas. Pero ningunha das dúas pensa no benestar do neno, senón nos beneficios que poden alcanzar elas, guiadas unicamente polo egoísmo e sen importarlles as consecuencias das súas accións.
É o argumento da produción teatral 'Divinas Palabras Revolution', que chega a Pontevedra da man do Grupo Chévere e o Centro Dramático Galego.
Trátase dunha renovación do popular texto de Valle-Inclán, que contará coa participación de Manuel Cortés, Antón Coucheiro, Patricia de Lorenzo, Borja Fernández, Mónica García, Tone Martínez, Victoria Pérez, Ánxela Ríos e Tomé Viéites, baixo a dirección de XRon.
Os seus personaxes estarán encerrados un reality show que reviven, inconscientes, o cru e duro retablo de avaricia, luxuria e morte que Valle-Inclán construíu para as súas Divinas Palabras.
A representación terá lugar este xoves 14 de xuño ás 20:30 horas no Auditorio de Afundación.