Davide Salvado e a asociación Sete Espadelas presumen de tradición no Serán'01 do Gaiás
Por Redacción
Unha foliada de máis de cinco horas foi o gran atractivo do Serán'01, o I Encontro Galego de Cultura Popular: Baile e Música Tradicional, celebrado esta fin de semana na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Nela, congregáronse máis de 300 artistas cunha importante representación pontevedresa.
Foi un evento no que se deron a man diferentes agrupacións folclóricas, artistas consolidados como Uxía, Susana Seivane, Budiño, Leilía ou Ugía Pedreira e transmisores da cultura tradicional procedentes de diferentes comarcas galegas.
O marinense Davide Salvado, un dos grandes referentes da recuperación do noso patrimonio musical, foi un dos participantes nesta macrofoliada.
Ademais, o Serán'01 incluíu unha feira na que participaron medio cento de stands de todo o sector vinculado á cultura popular: artesáns do tecido, da confección, do calzado, da ourivería, de instrumentos tradicionais, asociacións e federacións, organización de festivais ou empresas de servizos.
De Pontevedra, entre outras, participou a agrupación Os Alegres e César Loureiro, un artesán de instrumentos de Marín.
Para os máis cativos houbo obradoiros de construción de zocas con materiais de refugallo, así como varias 'foliadiñas infantís', nas que actuaron nenos e nenas procedentes dunha vintena de agrupacións de baile e escolas de música de toda Galicia.
A asociación etnográfica pontevedresa Sete Espadelas organizou tamén Sete Varas, un Refaixo, un desfile no que se contemplaron un conxunto de traxes tradicionais antigos de domingo, de cotío, de faena ou de festa, así como recreacións fieis á tradición procedentes das distintas comarcas galegas.
Conferencias, concertos, proxeccións ou presentacións de coleccións editoriais completaron un programa perfecto para mergullarse de pleno no noso folclore.
Relacionadas:
-
Davide Salvado presenta en Santa Clara "un acto de fe no patrimonio"
Por Redacción |
-
Sete Espadelas obtén dous galardóns nos Premios Antonio Fraguas de Investigación do traxe galego
Por Redacción |
-
Sete Espadelas, a grande triunfadora no concurso do Día do Enxalzamento do Traxe Galego
Por Oskar Viéitez |
-
A asociación etnográfica Sete Espadelas de Pontevedra enche o Teatro Colón cos traxes tradicionais
Por Redacción |
-
Os traxes galegos máis vistosos, no Casino Mercantil
Por Redacción |