Desde este venres 1 de xuño as salas Vialia de Pontevedra -e outras sete en Galicia- acollen a estrea de 'A estación violenta'. É unha longametraxe con sinal pontevedrés, tanto na súa versión cinematográfica como literaria, dado que o guión está baseado na novela homónima de Manuel Jabois.
Nas Conversas na Ferrería reunimos á súa novísima directora, a marinense Anxos Fazáns; a Daniel Froiz, quen desde Matriuska fixo dar o salto do papel ao celuloide super16; e aos actores Antonio Durán 'Morris' e Alberto Rolán.
"Este último ano pasou rapidísimo. Terminar de rodar, editar, postproducción, estrea e pases por festivais, os primeiros contactos co público e agora que estea en salas e chegue máis público. É momento de gozar agora do proxecto e despedirse tamén del para deixalo libre", arranca Anxos nesta charla de PontevedraViva Radio.
"Como produtor sempre trato de estar vinculado á parte creativa e neste caso foi un paso máis xunto a Angel Santos e Xacobe Casas na adaptación; pero este proxecto ten todas as mans de Anxos que conseguiu facer unha película de autora, adaptándoa ademais ao seu tempo", engade Daniel Froiz coa satisfacción de chegar "á división" de poñer a película nas salas de cinema.
Alberto Rolán interpreta ao personaxe de Manuel e asegura que "gocei moito deste proxecto. Foi moi intenso pero moi gratificante, porque ademais traballar con Anxos é moi sinxelo e tendo o equipo de actores que había, as cousas tamén son máis fáciles para traballar". Antonio Durán di que "foi unha película moi especial. Unha visión sobre a vida, reencontrarche, ir camiño atrás... O meu personaxe non é tan moderno, quizá é un nexo de unión entre estes mozos que tenta reencontrarse e recuperar algo que xa non teñen".
Saltando ao contexto galego e ao cinema 'Morris' afirma que "estamos no bo camiño polo feito de facer películas como esta e que ademais estean a chegar ás salas de cinema".