"O meu país son os cómics". Esta máxima que responde Albert Monteys durante a charla mantida no Cara a cara pode ser unha evidente declaración profesional de alguén dedicado á ilustración, ao humor gráfico.
Con todo, a frase é a súa resposta á situación política e social que se vive en Cataluña, de onde é oriúndo Albert. "Non entendo o nivel de tensión que se xerou. Deixei de falar conscientemente porque se volveu imposible tratar o tema con tranquilidade". Punto e aparte.
Visita PontevedraViva Radio, aproveitando a súa presenza na cidade para impartir unha master class no Garaxe Hermético e unha firma de libros do seu 'Universo' na Librería Paz.
Falamos da súa traxectoria profesional, cuxa vocación tivo clara a iso dos dez anos. Unha traxectoria que pasa pola dirección durante case cinco anos da revista 'El Jueves' e que concluíu "cando deixei de sentirme respectado e perdín a confianza no editor". Uns anos nos que se produciu o secuestro e condena da revista por un delito de inxurias ao entón aínda Príncipe Felipe.
Charlamos tamén da muller neste sector profesional, de ilustradores galegos, do cambio de rexistro na obra deMonteys tras "certo esgotamento de facer humor coa actualidade". Desa actualidade na que "agora a xente é máis intolerante con aquilo que non lle gusta".