Cuntis acolle 'Rexas. Mulleres baixo o terror franquista'
Por Redacción
A xornalista e escritora Montse Fajardo foi a encargada de ofrecer unha conferencia para inaugurar a exposición que ata o 10 de xuño poderá verse na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres, de Cuntis, baixo o título 'Rexas. Mulleres baixo o terror franquista'.
O acto inaugural contou tamén coa participación do escritor Heitor Picallo, bisneto dunha das mulleres recollidas nesta mostra, Dolores Buján. Esta exposición busca poñer nome a 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas e encarceradas durante a represión franquista, ademais de sufrir vexacións de corte sexista.
Estudantes do CPI Aurelio Marcelino Rey García acudiron á conferencia inaugural, na que tamén estivo presente o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, acompañado polos concelleiros Concepción Fernández e Diego Torres.
Montse Fajardo, comisaria da exposición, reivindicou o papel das mulleres que quedaron soas, marcadas como "roxas", mentres os seus homes foron asasinados ou permanecían en prisión.