O campus mostrará un "mapa de estilos" do cinema francés
Por Redacción
Seis directores franceses cun estilo propio, moi persoal e identificable. Eles serán os protagonistas do novo ciclo que se proxectará na Casa das Campás, dentro da programación cultural do campus de Pontevedra. Leva o nome de "Mapa de estilos" e estará coordinado pola programadora Bárbara Santos.
As proxeccións serán todos os venres ás 20.00 horas. Teñen entrada libre ata completar aforo.
O ciclo comeza este venres 25 de maio con Os paraugas de Cherburgo, o filme máis recoñecido e encomiado de Jacques Demy, que supuxo polo seu estilo toda unha revolución dentro do xénero do musical. A semana seguinte proxectarase Día de festa, a primeira longametraxe de Jacques Tati, que mostra a vida dun pobo francés despois da Segunda Guerra Mundial.
O 8 de xuño chegará a quenda de Ascensor para o cadafalso, a primeira longametraxe de Louis Malle, un filme que anticipa os preceptos que marcarán o novo cinema francés; e o 15 de xuño exhibirase Pierrot o tolo, obra que foi un cambio de rumbo na carreira de Jean Luc Godard.
As últimas proxeccións serán o día 22 de xuño con A infancia espida, na que Maurice Pialat achega unha mirada a unha infancia marcada tanto pola violencia como pola dozura; e venres 29 de xuño coa proxección de Farenheit 451, o conto filosófico sobre unha sociedade totalitaria que François Truffaut articulou a partires da novela de Ray Bradbury.
Esta actividade está promovida en colaboración co Instituto Francés de Cine e propón un percorrido por movementos que marcaron a historia da cinematografía francesa, como é o caso da Nouvelle Vague, así como polos diferentes xéneros cinematográficos, do drama e o cinema negro, á comedia, o musical ou a ciencia ficción.