Unha exposición multidisciplinar reflexiona en Belas Artes sobre a sexualidade
Por Redacción
Once artistas, case todos formados na facultade de Belas Artes de Pontevedra, participan ata o próximo 30 de maio na mostra colectiva After Zona F, instalada na sala de exposicións da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.
A súa comisaria, Iris Lucía Cepeda, explicou que a mostra está articulada en torno a tres eixos temáticos: o corpo, a ideoloxía de xénero e a sexualidade.
Eva Arotxena, Alba Castillo, Sonia Caruncho, Wendy Blanco, Lois Búa, Rocía Cannas, Marta Pereira, Marta Pérez, Pedro Santiago, Claudia Suárez e Elena Vitoria son as e os artistas protagonistas desta exposición multidisciplinar que reflexiona sobre as novas problemáticas que xorden en torno ao corpo e a sexualidade e a como cambiou a mentalidade no noso país.
As obras parten de técnicas tradicionais como a pintura ou a escultura, "porque moitas das obras tratan de como se abordou o corpo na arte clásica para darlle unha volta cara un terreo máis actual", sinalou a comisaria.
Deste xeito, as pezas escultóricas partindo de elementos cerámicos que propón Castillo combínanse nesta exposición con traballos pictóricos ou fotográficos, pero tamén con obras que nacen da arte dixital ou coa instalación que Wendy Blanco articulou a partires de prendas de roupa interior.