'Música no café', un ciclo de concertos para recuperar o Café Moderno como espazo musical
Por Alejandro Espiño
Recuperar o Café Moderno como espazo musical. ÿ o espírito co que nace o ciclo Música no café, cinco concertos impulsados pola Banda de Música de Pontevedra. "O sitio é fermoso e a proposta tamén o é", destacou a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro. Trátase dunha iniciativa que nace con vocación de permanencia e que se celebrará nun recinto "cunha tradición cultural e musical moi importante".
Segundo Juan Lois, director da Banda de Música de Pontevedra, serán cinco concertos "cunha grande variedade de estilos". Mostrouse convencido de que serán do agrado do público porque "é importante traballar con grupos reducidos" e ademais, dixo, "porque non deixamos ningún estilo esquecido". Os cinco grupos que participan neste ciclo musical contan entre os seus membros con músicos da BMP.
Os concertos incluídos en Música no café son:
- 8 de maio: Quinteto de Vento "Rubato" (21.00 horas)
- 15 de maio: Tootjazz (21.00 horas)
- 22 de maio: Perkuka (21.00 horas)
- 29 de maio: Cuarteto "Saxos Veteris" (21.00 horas)
- 2 de xuño: Brass Metal Pontevedra (19.00 horas)
Este último celebrarase ao aire libre na Praza de San José. Trátase, en todo caso, de concertos que, segundo Alberto Busto, membro da Banda de Música de Pontevedra, teñen lugar nun "marco incomparable", polo que esperan que os pontevedreses apoien esta iniciativa. "Chegamos para quedarnos na programación cultural da cidade", sinalou, ao recordar que se trata dun proxecto no que levan traballando desde hai meses.