Manuel Lourenzo, Víctor Freixanes e Montse Fajardo guiarán tres novos paseos literarios
Por Alejandro Espiño
Volven os paseos pola Pontevedra literaria. Tras o éxito das edicións anteriores, tres novos autores que escribiron sobre a cidade volverán percorrer a Boa Vila para facer de guía de excepción polos lugares que recolleron nas súas obras.
A actividade, organizada pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) en colaboración co Concello de Pontevedra, contará nesta ocasión con Manuel Lourenzo, Víctor Freixanes e Montse Fajardo.
O primeiro destes paseos estará guiado por Manuel Lourenzo, autor de Cegoñas no fondo da ría, unha recompilación de sucesos nos que se cruzan os sendeiros das realidades posibles e que conforman un corpus ficción-mítico-histórico marabilloso dunha (outra) cidade de Pontevedra. Será o sábado 26 de maio.
O 9 de xuño será a quenda de Víctor Freixanes, actual presidente da Real Academia Galega, que percorrerá a cidade a partir do libro Polos camiños do triángulo inscrito na circunferencia, unha epopea, verdadeira e fantástica, dos vellos navegantes galegos
O programa pecharao a xornalista Montse Fajardo o 23 de xuño. O seu paseo partirá do libro Josefina Arruti: tras a pegada das que quedaron, que recupera a memoria histórica das mulleres silenciadas durante a ditadura franquista.
Para inscribirse, as persoas interesadas deberán enviar os seus datos (nome completo, teléfono e enderezo electrónico) a pontevedraliteraria@gmail.com, e indicar a que paseo queren apuntarse. A inscrición comeza o próximo 21 de maio e farase por orde de chegada ao correo electrónico.
As prazas son limitadas a 50 persoas por paseo e todos os itinerarios comezarán ás once e media da mañá.