Diana López Varela presenta "Feminazi", a súa primeira curtometraxe como directora
Por Redacción & Diego Torrado
Unha obra transgresora sobre a concepción absurda e ridícula que, do feminismo, teñen moitos homes. Así é Feminazi, a curtametraxe coa que a guionista e xornalista pontevedresa Diana López Varela debuta como directora.
A estrea da curtametraxe celebrouse este sábado na Sala Karma, onde xunto coa directora estivo gran parte do seu equipo técnico, formado maioritariamente por mulleres.
Os seus protagonistas son Fernando González e Laura Míguez, actores en series como Fontealba, Pazo de familia ou Viradeira e membros da compañía teatral Il Maquinario.
Ambos dan vida a Rocío e Manu, unha parella de trinta anos na que os tradicionais roles seguen hondamente arraigados. Pero un día Rocío, tras lembrar ao seu noivo as responsabilidades que teñen en común, acode a unha reunión feminista.
A partir dunha discusión entre ambos, os feitos que se van sucedendo fan que a situación se volva máis e máis rocambolesca. Feminazi é unha parodia acerca dos prexuízos e o descoñecemento sobre o feminismo, que provoca que se teña unha idea terxiversada sobre este movemento social.
A curtametraxe, unha sátira con toques de humor negro, foi producido pola propia Diana López Varela co apoio de Abella Creativa e Ladybug Films.