As "matinés" do Principal fan "memoria" con La Habitación Roja
Por Redacción & Paula Sanmartín
Jorge Martí, vocalista de La Habitación Roja, demostrou que volve estar en plena forma. Tras os seus recentes problemas de saúde, felizmente superados, a banda valenciana volveu pisar os escenarios. Un dos seus primeiros concertos foi en Pontevedra.
O ciclo As Matinés do Principal serviron para que o público pontevedrés puidese gozar este sábado do novo disco dunha das bandas máis recoñecidas do panorama indie español que, tras máis de vinte anos de carreira, segue sendo todo un referente.
La Habitación Roja chegaba a Pontevedra con novo disco debaixo do brazo, Memoria, no que a banda mostra un novo son e temas transcendentais evocados por recordos e vivencias dos seus compoñentes.
Ademais, tamén houbo tempo para repasar os grandes éxitos da súa traxectoria. Todo iso nun formato acústico, máis íntimo e con moito contacto co público.
As Matinés do Principal regresarán o 6 de outubro coa actuación da banda estadounidense The Posies.