"Teño ganas de pasar páxina. Agardo que o concerto de Pontevedra sexa algo moi especial"
Por Alejandro Espiño
Hai un mes saltaban todas as alarmas. Jorge Martí, vocalista de La Habitación Roja, era ingresado de urxencia e a banda tiña que cancelar todos os seus concertos, "por primeira vez en 23 anos de carreira", recoñece. Agora, xa recuperado, asegura ter moitas ganas de volver á estrada coa banda. Farao esta fin de semana en Palencia e Pontevedra.
O seu será un novo concerto de As Matinés do Principal (sábado 5, 12.00 horas). Antes desa cita, falamos con Jorge, ao que sacamos uns minutos dos seus ensaios. Nesta entrevista reflexiona sobre estas semanas de repouso e o apoio recibido da xente, pero sobre todo de música. De Memoria, o disco que acaban de editar e que, en Pontevedra, presentarán en formato acústico.
O primeiro é preguntar pola túa saúde. Como te atopas?
Atópome ben. Déronme a alta e dixéronme que podo facer vida normal. Estou un pouco asimilando o que me pasou e con moitas ganas de volver á normalidade. De ser noticia polo musical e non pola miña saúde. Quedarame unha secueliña, coma se fora fumador aínda que non o sexa. Voume cansar antes, pero o demais parece que está todo ben.
Como foron estas semanas para ti?
Foi incrible como a xente mostroume o seu agarimo, sentín o seu apoio. E este tipo de cousas tamén che poñen un pouco no sitio. Valoras moito máis o que tes e todo o que che pasa. Agora vou ver as cousas doutra maneira e tomar a vida de maneira diferente, sobre todo o malo. Aprendín a relativizar as cousas porque o importante é estar ben.
Despois deste obrigado parón, La Habitación Roja volve á estrada e o sábado chegades a Pontevedra. Como afrontades este regreso?
"O de Pontevedra será un concerto acústico, o que nos permite facelo máis desenfadado e relaxado"
Con moita ilusión e moitas ganas. Será un concerto acústico, o que nos permite facelo máis desenfadado e relaxado. Está ben empezar así, con concertos máis distendidos nos que interactuar coa xente e estar preto deles. Agardo que sexa especial. Temos moitas ganas de pasar páxina e volver ao que máis nos gusta facer, subir a un escenario para tocar e cantar.
Será, ademais, en horario matinal. Gústavos este tipo de concertos?
Fixemos algún xa. Cada vez está máis en boga tocar en teatros e sitios así. Está ben porque pode ir xente de todas as idades. É outro tipo de experiencia e nós adaptámonos ao horario que sexa. En acústico, tocamos a todas as horas posibles do día e para este formato adáptase mellor ese horario e non ás tantas da madrugada, que a xente está a outras cousas. É máis fácil manter o silencio da xente e é máis próximo.
Chegades con novo disco debaixo do brazo, Memoria, que saíu á venda hai apenas dous meses. Con que nos imos a atopar?
É un disco moi sentido que fala da historia persoal de cada un. Nel, está amosada toda a nosa experiencia, a memoria, os recordos… Todo o que nos pasa deixa un pouso, unha pegada e iso vese reflectido nas cancións. É un disco de temas intimistas, pero vomitamos unha chea de cousas. Fala de moitos sentimentos, de sensacións polas que pasamos e que toman máis relevancia despois do que me pasou.
Fala da enfermidade, da morte, do paso do tempo. Agora, oio as cancións e é como que as sinto moito máis. Diría que é un disco dos importantes de La Habitación Roja, aínda que bromeamos con que é o disco gafe, porque nos está pasando de todo desde que empezamos a compoñer. Incluso algunha baixa na banda. E o meu problema de saúde. Nunca antes, en 23 anos de carreira, tiveramos que cancelar un concerto.
O voso produtor, Paco Loco, chegou a dicir que é un disco no que mostrades un son diferente aos anteriores...
Non sei se diferente a todos, pero desde logo ten un son único que non está moi relacionado a como soan os discos agora, tan procesados, editados e pulcros. Este disco ten unha concepción e un son moi peculiar, que premia a personalidade de cada son, de cada canción. Está feito dunha forma moi artesanal. Gústame moito a personalidade que ten. Fixemos un disco que non soa a nada do que se fai agora.
Pero seguiremos recoñecendo a La Habitación Roja?
"Con este disco saímos da nosa zona de confort. Aceptamos o reto e divertímonos moito"
Segue sendo La Habitación Roja, desde logo, pero tivemos unha figura como Paco que nos sacou o máximo. Tentou que fixésemos cousas que non fixeramos antes, buscar que saíramos da zona de confort. Aceptamos o reto e divertímonos moito. Pero non desvirtuamos o noso selo. Soa a nós. Facemos cancións pop, encántannos as melodías, as guitarras e o noso formato e iso tamén ten que estar presente.
Tedes por diante un verán cheo de concertos, de feito regresaredes a Pontevedra para participar no festival PortAmérica. Que esperades destes meses?
Temos bastantes concertos en festivais e algún ciclo en acústico. Estamos con moitas de poñernos a tocar e cambiar o chip, de volver experimentar o privilexio de volver tocar. Non puidemos ter presentacións previas do disco, imos directos a festivais. Espero que sexa algo moi especial. A nivel persoal teño ganas de vivir as cousas e sentilas máis se cabe.
Que vos dá Galicia que volvedes sempre que podedes?
Sentímonos moi queridos aquí. Encántanos Galicia. Eu son valenciano, pero sempre digo que puidese elixir outro lugar sería galego. Non é peloteo. A xente é moi amable e cariñosa. Cada vez que vimos gozamos da natureza, da gastronomía, dos amigos e de todas as cousas boas desta terra única. Non somos os únicos. A todos os músicos pásalles. Sempre é unha gran aventura vir ao norte. Reportounos grandes momentos.