Un ronsel de historias nos vermús literarios de Combarro
Por Redacción
Este sábado 5 de maio chega a Combarro o ciclo de vermús literarios "Un ronsel de historias" para levantar áncora. Trátase dunha iniciativa da Asociación Cultural, Deportiva e Medioambiental Armadiña de Combarro (ACDeM Armadiña) que emprazará catro conversas literarias na vila combarresa co obxectivo de achegar a literatura aos seus habitantes como festexo do mes da lingua.
Do primeiro encontro será protagonista a escritora e editora sanxenxina Eva Mejuto, que virá conversar xunto a Tamara Andrés arredor de 22 segundos, libro editado por Xerais que achega a temática da transexualidade desde unha perspectiva adolescente.
No segundo encontro, que terá lugar o sábado 12 de maio, o escritor Manuel Lourenzo parolará sobre o texto merecedor do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil no ano 2017, Ceiba de Luz.
A terceira conversa, que se celebrará o 19 de maio, consistirá nun diálogo entre Antón Blanco e Míriam Ferradáns, dous representantes da nova fornada de poetas galegos, que presentarán conxuntamente Tres poemas para un estudo da cidade (Galaxia) e Deshabitar unha casa (XX Premio Francisco Añón) respectivamente.
O último vermú terá lugar o sábado 26 de maio e a protagonista será Fina Casalderrey, que acudirá en calidade de convidada de honra para falarnos da súa infatigable traxectoria no eido literario e cultural.
Todos os vermús terán lugar ao aire libre a partir das 12:30 na Praza da Rualeira, a carón da praia do Padrón. No caso de que a meteoroloxía non o permita, as actividades trasladaranse á Escola do Campo.