José Julio, como o seu pai, - aínda que na adolescencia adoptou como actor amateur o de Xúlio -, tivo un profesor que ben podería ser vidente ou excelente conselleiro: "señor Abonjo dedíquese ao teatro que é unha profesión moi digna e deixe de molestar en clase".
O certo é que Bacharel Teatro e a coincidencia con Oskar Viéitez, Irene e Anxo Lourido foron os que decidiron o seu futuro profesional, así o afirma; polo que estamos ante unha Playlist moi vinculada a PontevedraViva.
Con dez anos andaba no colexio imitando a Santiago Carrillo; ou cun tarro de cristal debaixo do brazo á procura de insectos. Algúns despois meteuse na pel de Paco Pixiñas, un personaxe polifacético ao que segue lembrando con agarimo. De entón a hoxe pasou por series de televisión, tanto autonómicas como nacionais, polo teatro, polo cinema e polas webseries.
Actualmente vive un dos seus momentos máis populares. Interpreta a Moncho Charlín na serie "Fariña" de Antena 3. Lembra como soubo que faría de "fillo" de Morris e "irmán" de Touriñán. Conta, entre múltiples anécdotas, o costume que a súa irmá Susi e o seu cuñado Toño adoptaron cada mércores. E rexeita de plano que a serie estea a enaltecer aos narcos galegos: "ninguén está a favor de Sito Miñanco, a xente sente empatía con Javier Rey que interpreta a Sito Miñanco".
O seu sobre platós ou escenarios, non é ou foi unicamente como actor; tamén lle levou por eses camiños a música. Estivo como cantante con Cerverus e con Drugos; é posible que haxa quen lle lembre nalgún concerto na praza do Teucro. E agora e desde hai un tempo, con Planeta Morriña. Non falta nesta Playlist de PontevedraViva Radio un tema para o que contaron coa colaboración do premiado pontevedrés Caco Refojo.
Lembra, reflexiona, apela e deixámoslle que se explaye durante esta charla, pero reserva ao máximo a súa intimidade. Antes de concluír falamos de futuro, un futuro inmediato que pasa de novo pola televisión autonómica. Métese no papel de Roi, un garda civil que aparecerá en breve... en "Serramoura". Seguimos facendo oco no sofá.