Teatro, obradoiros e contadas colectivas polo Día do Libro en Poio
Por Redacción
A Biblioteca Municipal de Poio e o centro cultural Xaime Illa Couto súmanse á conmemoración esta semana do Día do Libro cunha programación que incluirá teatro, obradoiros e contadas colectivas.
A programación irá máis alá do propio Día do Libro, que se conmemorou este luns 23 de abril, con actividades ata o domingo 29 de abril.
O venres día 27 de abril a actividade será 'Ler Mola'. Consistirá nunha contada colectiva e no obradoiro 'Teatro Asombrado' a partir das 18.00 horas na biblioteca do Xaime Illa.
O domingo 29 de abril será o turno de 'Cóntame un conto', que representará 'Zona de Obras' da Tropa de Trapo a partir das 12.30 horas na praza de San Roque de Combarro.
Sinopse: Atención! Esta contada está en obras. Si : está sen acabar. Pero non vos preocupedes. Temos un andamio, tubos de antenista, unha guitarra eléctrica cun looper, unha batería cun capacho e un caldeiro, ferramentas… e a axuda do inestimable público. Malo será que entre todos non acabemos estes contos cheos de música e ritmo. Contos de osos tristes, de extraterrestres que viaxan en caldeiros de fregar, de cans de palleiro que se convirten en superstars… A nova tolería de Brais das Hortas. Contos, música, títeres, instrumentos con obxectos e moita interacción co público.