Un recital a dez voces clausura o Festival Internacional de Poesía de Pontevedra
Por Diego Torrado & Redacción
Os poetas Miriam Ferradás, Keith Payne, Itxaro Borda, María Xosé Queizán, Dolors Miquel, Filipa Leal, Elías Portela, Aurelia Lassaque, Manuel Rivas e Juan Carlos Mestre xuntaron as súas voces este sábado nun único recital presentado por Yolanda Castaño que puxo fin a dous días de poesía en Pontevedra.
O recital a dez voces permitiu aos asistentes ao Teatro Principal de Pontevedra escoitar a voz dos poetas participantes nas súas linguas orixinais, coas traduccións proxectadas. As voces foron, ademais, unha maioría feminina.
Esta cita foi a clausura oficial da oitava edición do Festival Internacional de Poesía de Pontevedra, PontePoética, se ben este domingo aínda queda un pequeno agasallo para os amantes da arte e da poesía, pois está programado na Casa da Luz un último obradoiro dentro da programación. A cita será a partir das 11.00 horas con Juan Carlos Mestre.
Pontepoética comezou este venres 20 e ata este domingo 22 de abril encheu de poesía tres escenarios diferentes da cidade de Pontevedra: o Teatro Principal, a Casa da Luz e o Pub El Pequeño.
Como en edicións pasadas, houbo recitais poéticos en sete linguas (as cinco de Iberia máis occitano e islandés); encontros poéticos con alumnado dos IES Valle Inclán, Frei Sarmiento e Luís Seoane; obradoiros; e o gran recital de clausura deste sábado.
Relacionadas:
-
RADIO.- A playlist de... Yolanda Castaño: Pase o que pase sempre poesía
Por Marisa Ciordia |
-
Arranca a oitava edición de Ponte Poética, o Festival Internacional de Poesía de Pontevedra
Por Sara López Lago & Clara Alonso |
-
Recitais, encontros e obradoiros con sabor internacional na VIII PontePoética
Por Noelia Torres Pintos |