Camilo Serodio Lorenzo recoñece á súa chegada a PontevedraViva Radio que lle custa levantarse pronto e que é máis de trasnoitar; o cal non significa que sexa "ave nocturna". O neno intermedio de tres irmáns lembra un Scalextric co que pouco xogou, non así co dun amigo "que tiña moitas pistas".
Tamén lembra que a súa primeira cassette era de Soziedad Alkohólika e que sempre escoitaba "metal". Fontes moi diferentes das que bebía o seu pai, que lle levou sendo adolescente a un concerto dos Dire Straits.
Agora decántase polo reggae, e cun xénero así, tiña que haber auga: " Welcome to la isla" é o nome do seu segundo traballo musical en solitario como SoulMacklein e que publica o 1 de maio. Falando de auga, é un medio que lle acompaña desde a infancia; cando con cinco anos comezou na natación, participando no Club Natación Pontevedra e no primeiro Galaico.
Fixo un curso de Socorrismo ao terminar o COU e aí continúa, nadando entre dúas augas: as da música e as da profesión na que leva traballando desde os 18 anos.
Delahoja foi a primeira banda musical da que formou parte e coa que chegaron a tocar altos teitos. A pesar diso, lamenta que non tiveron ocasión de ofrecer un concerto na súa cidade. Así que, xa que daquela Loko23 non puido subir a un escenario nas Peregrinas; fai unha chamada para poder facelo como SoulMacklein e a banda da que se vai a rodear para directos. Polo momento, a axenda vai enchéndose de "bolos" para o que resta de primaveira e comezos de verán.
Declárase "un tipo serio" no plano sentimental; un espazo persoal que ten completamente ocupado cun nome propio. Aínda que desencantado coa sociedade que lle tocou vivir e pouco optimista coas posibilidades de cambio, demostra o movemento andando. Isto é: "eu tento facer o que podo".