Da Silva e Davila desvelan as técnicas utilizadas polos humoristas gráficos
A sesión comezaba cunha pequena introdución sobre as súas carreiras profesionais. Desde moi pequenos sempre estiveron unidos ao lapis, e "non abandonalo nunca" foi o que lles permitiu seguir crecendo e desenvolvendo proxectos ata o día de hoxe. E falaron de lapis e papel, nada de tecnoloxías, ao que Kiko da Silva, quen "non ten whatsapp pero segue tendo amigos", animaba aos rapaces a reducir o uso dos teléfonos e as plataformas de contido dixital e deixar voar a creatividade. "Aburrirse é a mellor cousa existente non mundo, porque fai que directamente creedes ca vosa imaxinación", afirmaba Da Silva.
Kiko colleu o rotulador e deu unha auténtica master class das técnicas que utilizan ilustradores como Ibáñez, Groening e mesmo falou de series orientais, como facía Yoshito Usui, o creador do neno con cabeza de pataca, Sin Chan.
Asombrando aos alumnos coa súa fluidez ao debuxar, explicou que o truco dos viñetistas céntrase en que todos teñen a súa base propia a partir da cal crean todos os personaxes.
Francisco Ibáñez mantén os ollos, a boca e as orellas, utiliza o método de repetición. Como demostrou, Mortadelo e Filemón seguen un cliché de repetición. O problema de Ibáñez aparece cando ten que debuxar personaxes femininos, véxase Ofelia. Ao manter ese cliché destinado a personaxes masculinos, os femininos acaban sendo un pouco "marimachos", comentou, ao que o público non puido resistir e rompeu a rir. "Non podemos debuxar os homes e as mulleres co mesmo método".
Pasou a Matt Groening, creador da famosa serie da familia amarela, Os Simpson. Groening segue un cliché mariquitilla, dixo Da Silva, porque todos os personaxes sempre son o mesmo; o único que cambia é o corpo, o peiteado e a cor da pel. Isto débese a que son creados para ser animados e sería moi caro ter distintos personaxes, explicaba. Coa mesma base e cambiando o peiteado pasou de Bart a Lisa e finalmente a Marge en poucos segundos. "Homer é unha excepción, xa que é unha homenaxe a Pedro Picapedra, ambos os personaxes neandertales". Tamén destacou a forma de Groening de asinar o seu traballo cunha G e unha M que forman a orella e o pelo de Homer, polo que a Fox nunca puido roubar os dereitos dos Simpson.
Acto seguido Kiko explicou o cliché usado polos xaponeses, o xenético, exemplificándolo coa serie de Sin Chan e demostrando que, a pesar de que todos os familiares son morenos e Himawari rubia, non é filla do butanero, chanceou, pode comprobarse na forma da cabeza, que é a mesma ca do seu avó.
A sorpresa chegou cando Da Silva, baseándose na xenética de Sin Chan, debuxou ao expresidente J. L. R. Zapatero, sostendo que era parente desta familia xaponesa, ao que o seu compañeiro contestou que Mariano Rajoy tamén, demostrándoo con outra caricatura.
Luís Davila tomou o relevo e de maneira un pouco máis dixital, porque el sí que ten whatsapp, fixo uso da súa tableta para explicar cales son as técnicas que utiliza.
Baseándose nun globo que esmaga en distintas zonas, creaba personaxes con distintas personalidades. Unha cabeza achatada serve para personaxes malvados, como Stewie o bebé da serie Padre de Familia; un globo esmagado nos lados inferiores deixa espazo a un cerebro moi grande, por iso os aliens ou os científicos tolos teñen cranios con esa forma, explicaba. Os ollos e as cellas son unha parte moi importante á hora de plasmar as emocións dos debuxos, sostía Luís mentres debuxaba un personaxe con ollos de namorado. "Vale para iso e para vos personaxes de Fariña" dicía Kiko cun sorriso. Acto seguido, Davila debuxoulle unha xerra de cervexa ao personaxe e cambiou completamente.
Cun enorme nariz, ollos redondos e unha boca ben aberta, Davila sorprendeu aos mozos e mozas debuxando catro personaxes distintos en moi pouco tempo, con esa base que el utiliza nas tiras cómicas.
A sesión continuou cunha pequena clase de historia. Kiko da Silva comparou as tiras cómicas cos debuxos rupestres; ambos se deseñaron para ser vistos con movemento e en anacos. Pasando pola cultura maya, a exipcia e ata a medieval co exemplo das Cantigas de Santa María de Alfonso X O Sabio, Kiko fixo un percorrido histórico comparando as obras coa banda deseñada.
Unha característica moi salientable deste formato é que "non fai falta ensinar a ler cómics", a maxia da narrativa permite que sexa a única linguaxe que poden ler os nenos de cero a tres anos, afirmaba Da Silva.
O acto terminaba cun pequeno adianto da novela gráfica para adultos que está a preparar Kiko, 'Baixo as sombras das pedras flotantes', inspirada pola cantidade de pedras estrañas que viu o autor en varias viaxes pola contorna galega e na que conta historias curiosas da natureza.