Os personaxes de Valle-Inclán convértense en concursantes de reality
Por Redacción
Divinas Palabras Revolution, un xogo de palabras que evoca ao Gran Hermano de Telecinco. Así é o nome do último espectáculo do Centro Dramático Galego, no que os personaxes de Valle-Inclán convértense en concursantes dun reality show. Poderemos velo en Pontevedra o próximo 14 de xuño.
O espectáculo erguerá o pano por vez primeira en Santiago de Compostela este xoves 12 de abril. A partir de aí, percorrerá oito localidades galegas, entre elas Pontevedra.
Ao obra, dirixida por Xron, conta cun reparto encabezado por Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés. Tamén aparecen Antón Coucheiro, Borja Fernández, Mónica García, Tone Martínez, Victoria Pérez, Ánxela Ríos e Tomé Viéitez.
Na versión que asinan Manuel Cortés e Xron, con dramaturxia deste último, estes personaxes son os concursantes dun concurso de telerrealidade, durante o que teñen que convivir nunha casa-plató vixiados polas cámaras 24 horas. Deste xeito, a "traxicomedia de aldea", como subtitulou Valle a obra orixinal, convértese aquí en "traxicomedia de aldea global".
A ambientación nun contexto actual non afecta o espírito crítico e inconformista co que o gran autor arousán concibiu esta obra hai cen anos.
Así, o retablo da avaricia, a luxuria e a morte que Valle-Inclán construíu en Divinas palabras mantén a súa crueza nesta nova aproximación escénica, a primeira que se fai en idioma galego, para ofrecer -en palabras do seu director- "un retrato descarnado dun pobo inconsciente da súa ferocidade, un testemuño irascible da miseria moral da sociedade".
Porén, non o fará a través dunha tradución directa da obra orixinal, senón asumindo a imposibilidade de atopar esa aldea valleinclanesca na actualidade como reflexo doutras moitas imposibilidades, como a de manter unha identidade propia nun mundo globalizado ou a de conservar o sagrado, a natureza virxe, a pureza e o misterio como símbolos de Galicia, tal e como foi retratada por Valle.