Ismael Serrano para nostálxicos (e non tanto)
Por Natalia Puga & Diego Torrado
Ismael Serrano convidou este domingo aos pontevedreses para visitar o seu faiado, ese trasteiro no que foi depositando os recordos das dúas décadas transcorridas desde que con tan só 23 anos saltaba aos escenarios co seu primeiro album, Atrapados en azul, e unha canción de protesta que non abandonou desde entón.
O faiado de Ismael non só garda recordos, senón que atesoura a memoria destes 20 anos nos que editou 14 discos e soubo seguir manténdose como un dos cantautores de referencia para o público español e latinoamericano. Todos se deron cita sobre o escenario do auditorio de Afundación de Pontevedra e o madrileño foi debullando o seu repertorio a medida que compartía cos espectadores o momento de ir abrindo esas caixas cheas e relendo cartas e historias daqueles anos 90.
As entradas para este concerto da súa última xira levaban días esgotadas e un auditorio cheo ata os topes entregouse á nostalxia de repasar algunhas das súas cancións máis antigas e populares. 'Papá, cuéntame otra vez', 'Vértigo', 'Últimamente', 'Vine del norte', 'Ya ves', 'Si se callase el ruído' ou 'Pequeña Criatura' fixeron as delicias dos máis melancólicos, pero tamén houbo lugar para a renovación e temas dos seus últimos traballos, como a reivindicativa 'La Llamada' ou 'Nieve', do album recompilatorio 20 años. Hoy es todo.
'Ven', unha das novidades do disco editado en 2017 con motivo dese 20 aniversario, foi, de feito, a canción encargada de dar a benvida aos pontevedreses e comezar un concerto en acústico que terminaría máis de dúas horas e media despois no medio dunha gran ovación.
Poesía, historias de amor e desamor e, sobre todo, moita reivindicación déronse cita sobre o escenario e Ismael Serrano, como é habitual desde os seus inicios na música, compartiu co público as súas inquietudes sobre a vida e a situación social e política actual. A aqueles que o seguen desde que 20 anos atrás atoparon nel un referente de toda unha xeración e a quen descubriu ao longo destas dúas décadas o seu repertorio. A todos volveunos conquistar con actualizacións das súas cancións e críticas sociais.
A histórica folga de mulleres do 8 de marzo, as manifestacións dos pensionistas e xubilados, o aborto, o polémico máster de Cristina Cifuentes na Universidade Rey Juan Carlos ou o recente rifirafe entre as raíñas Letizia e Sofía foron co protagonistas dun concerto con moito pasado, que incluíu unha versión do 'Ojalá' de Silvio Rodríguez, pero que tamén mirou cara ao futuro e cara a ese mundo que estamos a construír e que el deixará á súa filla, Lila.
Foi un concerto, e un disco, para a loita e a esperanza de que a batalla consiga cambiar o mundo. E, se non, aos seus fans sempre quedará botar a vista atrás, a letras como a do 'Recuerdo' que tanta nostalxia espertou este domingo en Pontevedra: "antes de rendirnos, fuimos eternos".