A gran exposición antolóxica sobre Alejandro de la Sota amosa material inédito sobre a súa etapa pontevedresa
Por Mónica Patxot & Redacción
A exposición do Sexto Edificio do Museo "Alejandro de la Sota. Pontevedra, 1913 – Madrid, 1996. Construírse/Construír" percorre toda a vida e toda a obra do arquitecto, cunha primeira parte na que amosa como el se constrúe a si mesmo, e cunha segunda parte na que se ve como constrúe para os demais, de aí o título.
Rafael López Torre, encargado de comisariar este proxecto xunto con Teresa Couceiro, directora da Fundación Alejandro de la Sota, buscaron un doble enfoque, no relativo á parte máis relacionada coa cidade de Pontevedra e na gran relevancia da traxectoria do arquitecto.
O comisario indicou que "ata agora os primeiros 25 ou 30 anos de Alejandro de la Sota nas exposicións e traballos pasaban desapercibidos, cando el mesmo deixou dito, de palabra e por escrito, que a vida en Pontevedra marcou de xeito decisivo a súa personalidade e o seu carácter".
Rafael López referiu a especial amizade do arquitecto co fillo e co sobriño de Castelao, no que conforman unha especie de tríada que quedaría truncada coa prematura morte do fillo de Catelao.
O comisario tamén informou que a parte da etapa pontevedresa está baseada sobre todo en imaxes e que "é como ter un gran libro na parede". Moito deste material, conformado fundamentalmente por fotografías e debuxos, é a primeira vez que se exhibe.
Por outra banda, a segunda parte da exposición céntrase nas obras arquitectónicas emblemáticas da súa carreira, como son o Pueblo de Esquivel en Sevilla, o edificio de Correos de León, o Goberno Civil de Tarragona, a central leiteira Clesa, o ximnasio do Colexio Maravillas de Madrid. A sala resérvalle un apartado especial ao Pavillón dos Deportes de Pontevedra e á Casa Domínguez na Caeira. Estes proxectos compleméntanse con material bibliográfico, maquetas, debuxos e mobles deseñados polo propio Alejandro de la Sota.
VISITAS GUIADAS
Juan de la Sota, fillo do arquitecto, será o encargado de guiar catro visitas de excepción a esta mostra.
Terán lugar os días 12 e 26 de abril, e 11 e 24 de maio. Estas catro visitas terán unha duración dunha hora e comezarán ás 19 horas. Pola súa banda, o equipo do gabinete didáctico iniciará o ciclo de visitas guiadas á exposición o día 21 e terán lugar todos os sábados ata a clausura da mostra. Comezarán ás 18 horas e tamén terán unha duración dunha hora.