A Deputación convoca o certame de artes plásticas "Novos Valores" 2018
Por Redacción
Veñen de publicarse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra as bases que regulan o certame de artes plásticas "Novos Valores" para a edición 2018.
Ao igual que nas dúas convocatorias anteriores, este certame contempla como premio a adxudicación de catro bolsas por importe de 7.500 euros cada unha para ampliar os estudos artísticos das persoas que resulten gañadoras do certame.
A fórmula das bolsas de estudos artísticas se establecera fai dous anos para recuperar a filosofía dos antigos "pensionados" da Deputación.
Como complemento a este premio, a Deputación tamén se compromete a programar nas instalacións do Museo de Pontevedra, no ano seguinte á finalización da bolsa, unha exposición colectiva con obras das catro persoas premiadas.
Neste sentido, está previsto que entre o 21 de xuño e o 22 de xullo o claustro do Edificio Sarmiento acolla a mostra coas obras resultantes das estadías de estudos dos e das gañadoras da pasada edición: Yolanda Ríos Coello, Malú Feijóo Cid, Aitor Víctor Fernández Marcos, e Borja Guerrero Parapar.
A concesión da bolsa establecerase mediante un convenio entre a persoa gañadora e o ente provincial, concretando o emprego da mesma e o prazo, que non será superior a un ano. Ademais de cursar a citada ampliación de estudos artísticos, a persoa adxudicataria deberá entregar unha memoria xustificativa e unha obra orixinal e asinada.
Neste certame poderán participar todos os artistas, sen límite de idade, susceptibles de seren considerados novos valores e de diferentes disciplinas artísticas tales como pintura, escultura, debuxo, deseño, gravado, fotografía, cerámica e videocreación.
Deben presentar obras orixinais e non se admitirán as que xa fosen expostas noutras mostras, tanto individuais como colectivas, ou que figurasen noutros certames.
Aceptarase unha obra por artista en cada disciplina e o seu peso non poderá superar os 500 quilos nin os 2 metros. No caso de obras audiovisuais, non deben exceder os 5 minutos.
As obras deberán ser entregadas no Sexto Edificio entre os días 5 e 15 de xuño, ambos incluídos, de luns a venres e en horario de 9:00 a 14:00 horas. As obras presentadas serán obxecto, ademais, dunha primeira selección coa que se conformará a mostra Novos Valores 2018, que estará aberta ao público no Museo de Pontevedra entre o 2 de agosto e o 16 de setembro.
Relacionadas:
-
Aberta a mostra dos Novos Valores da arte contemporánea
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O Museo acolle a exposición das obras gañadoras de Novos Valores 2017
Por Redacción |
-
Preto de 8.500 persoas visitaron a mostra sobre María Vinyals e os Novos Valores
Por Redacción |
-
Os bolseiros do certame Novos Valores expoñen no Sexto
Por Mónica Patxot |