Miguel Costas será o prato forte no Ameixa Rock 2018
Por Redacción
O Ameixa Rock 2018, que terá lugar en Carril os vindeiros 31 de agosto e 1 de setembro, terá como prato forte a actuación de Miguel Costas (ex Siniestro total) acompañado de Deseqilibrio Mental, Festicultores Troupe e o grupo gañador do II Concurso Ameixa Rock para bandas emerxentes.
Miguel Costas foi membro fundador, ex vocalista e guitarrista de Siniestro Total, Aerolíneas Federales e Los Feliz, bandas coas que grabou 22 álbumes. Leva escrito máis de 300 cancións e colaborado con infinidade de bandas de todo o mundo.
Está nos escenarios dende o 1982, xirando por toda España e Sudamérica, compartindo tablas con artistas da talla de Madonna, Beck, Neil Young, ZZ Top, Scorpions e Jethro Tull. Actualmente e a voz e guitarra da súa banda Costas con Little Naya, Coché Vil e Colás Lage.
Os composteláns Deseqilibrio Mental (si, sin "u") que levan tocando dende 2002, parten do metal en galego para abeirarse ao punk e tratar nas súas cancións problemáticas da sociedade actual, para protestar polo que non lles gusta, misión na que estiveron apadriñados no seu disco de estrea polo melloriño do rock galego, como Ruxe Ruxe, Zënzar, os Machina e incluso os históricos Astarot.
Festicultores Troupe son os máis experimentados cultivadores de festas de Galicia e volven á carga coa súa mellor colleita de música, humor, baile e desinhibición. A festicultura percorre as rúas e palcos de Galicia liberando un tsunami de endorfinas que converte cada verbena pola que pasan na maior pista de baile do mundo. Unha espectacular mestura de humor, performance e música festeira que non deixa indiferente a ninguén.
Tamén lembrar que está aberto o prazo de inscripción para o II Concurso Ameixa Rock para bandas emerxentes. O gañador tocará tamén no Ameixa Rock 2018.