Kalandraka chega ao seu 20 aniversario entre as cen primeiras empresas do sector editorial estatal
Por Redacción
O 2 de abril de 1998 botaba a andar en Pontevedra a editorial Kalandraka. Vinte anos despois, este luns 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, o selo non só está de anivesario, senón que, ademais, pode celebralo posicionada no ranking das cen primeiras empresas do sector editorial a nivel estatal (posto 82).
Ademais, segundo os xornais especializados, é a primeira galega do sector en volume de facturación. Recentemente, o seu long-seller A que sabe a lúa?, de Michael Grejniec, mesmo se situou entre as 10 obras máis vendidas na plataforma todostuslibros.com, da Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros.
O selo pontevedrés chegou a este 20 aniversario con máis dun milleiro de títulos vivos nos seus catálogos en galego, castelán, catalán, éuscaro, portugués, inglés e italiano e cunha gran proxección internacional.
En concreto, acaban de regresar da súa participación na LV Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, cun stand propio que visitaron centos de persoas e profesionais do sector do libro -axencias, bibliotecas, editoriais, librarías, autores, ilustradores, docentes e público de numerosos países-. E está ás portas de poñer en marcha a XVIII Campaña Municipal de Animación á Lectura do Concello de Santiago, que se prolongará durante todo o mes de abril na Galería Sargadelos.
Kalandraka aproveita este aniversario para anunciar que entre as novidades que presenta neste mes destaca, para primeiros lectores, a recuperación en galego dun clásico do autor británico David McKee, Elmer, no 30º aniversario da creación deste icónico personaxe, símbolo de tolerancia e diversidade.
Para lectores autónomos chegará ás librarías a obra galardoada na última convocatoria do Premio Internacional Cidade de Orihuela de Poesía para Nenas e Nenos, Cara de velocidade, da autora compostelá Marga Tojo.
O equipo de Kalandraka chega a este 20 aniversario espallado por Galicia, Madrid, Cataluña, Andalucía, Portugal, México e Italia e segue comprometido na súa tarefa fundamental de crear libros de calidade que seduzan, emocionen, divirtan e perduren no tempo. A editora mantén a súa aposta pola normalización do galego e pola animación á lectura como piares complementarios.