'Expression Contacontos': Piratas e música para os nenos da Lama
Na Lama, os nenos foron os destinatarios principais da actuación do grupo 'Expression Contacontos', na tarde do martes 27 de marzo.
A posta en escea levouse a cabo no Multiusos e nela interpretouse unha aventura de piratas, acompañada con cancións populares e unha historia sobre unha imaxinativa procura dun tesouro agochado.
Esta é unha actividade recollida dentro da programación organizada polo Concello da Lama baixo o título 'Semana Santa en Familia'. O obxectivo é estimular a imaxinación dos escolares e achegalos ao mundo da lectura de libros de aventuras cos que poder viaxar a un mundo imaxinario.
Os compoñentes de 'Expression Contacontos' foron desgranando con humor unha aventura de piratas intercalando cancións populares e xogos, de modo que a tarde foi divertida tanto para os nenos como para os pais e nais que os acompañaron.
'Semana Santa en Familia' verase completada coa proxección da película 'Coco', tamén no Multiusos, coa finalidade de achegar as proxeccións na gran pantalla e o son envolvente aos veciños, especialmente ás familias, como alternativa de lecer para gozar nestos días de vacacións escolares.