Lucrecia Martel, protagonista do mes de abril no Cineclube Pontevedra
Por David Arana
A programación de abril do Cineclube Pontevedra trae a filmografía de Lucrecia Martel, unha das directoras arxentinas máis importantes a día de hoxe e unha das grandes voces creativas do cinema contemporáneo. 'La ciénaga' (2001), 'La niña santa' (2004) e 'Zama' (2017) son as obras escollidas para proxección, sendo a estrea desta última a razón destas sesións.
Martel alcanzou o renome ao gañar o Premio Alfred Bauer do Festival de Berlín por abrir novas perspectivas para a arte cinematográfica con 'La ciénaga', filme que será proxectado o martes 10 ás 21:00 horas. A seguinte obra que protagonizá o ciclo é 'La niña santa', que foi estreada no festival de Cannes. Esta poderá verse o martes 17 ás 20:30 horas. Ambas as obras forman parte da triloxía 'Salta', que se pecha con 'La mujer sin cabeza' (2008).
'Zama' finaliza as proxeccións sobre o cinema da directora arxentina o martes 24 ás 20:30 horas. A obra, moi esperada polo público cinéfilo, é a adaptación da novela homónima de Antonio di Benedetto, e tivo presenza nos festivais da Habana, Venecia e Sevilla entre outros. Todas as sesións terán lugar no Teatro Principal de Pontevedra.