Os escolares achéganse ao cancioneiro tradicional a través do teatro
Por Mónica Patxot
Os escolares pontevedreses iniciaron este venres un achegamento ao cancioneiro tradicional galego a través da obra de teatro Na percura do tesouro, representada polos Gaiteiros da Xistra.
A actividade comezou con dúas sesións ás 10.00 e as 12.00 horas, repetirase o luns 29 de abril e está pensada para que acudan ao auditorio do Centro Social de Novacaixagalicia en Pontevedra máis de 1.900 escolares de segundo ciclo de Educación Primaria procedentes de 34 centros.
A actividade conta como Xurxo, o protagonista, non cría nas lendas dos mouros, pensaba que iso eran cousas de vellas. Aínda así, o neno si cría que aquelas marcas que había nas pedras do monte custodiadas pola gran serpe eran as pegadas dun mapa do tesouro. Acotío porfiaba en que máis tarde ou máis cedo o atoparía, e sabía que ao solpor algo misterioso acontecía, que ese era o mellor momento para descifrar os enigmas.
Unha noite os cantos da moura espertárono, esas eran as claves e as probas que Xurxo debería superar. A través deste conto infantil de misterio e lenda os pequenos aprenderán romances, o son das zanfonas, alalás, cantigas, refráns, e mais a coñeceren seres míticos do patrimonio lendario galego. O tesouro que todos con Xurxo atoparán: a lingua galega.