Nace a Plataforma Pro-Auditorio de Marín para pedir participación na creación dun centro cultural na vila
Por Redacción
O Concello de Marín anunciaba este mes que se atopa elaborando os pregos para adxudicar a redacción do proxecto para a construción dun Auditorio. Trataríase dun novo edificio que acollería o centro cultural en terreos portuarios.
Colectivos sociais e culturais de Marín decidiron constituírse como Plataforma co obxectivo de participar e colaborar na posta en marcha deste proxecto, unha demanda histórica na vila. José Manuel Pesqueira é o portavoz e xa solicitou a través dun escrito un encontro dos representantes deste colectivo coa alcaldesa María Ramallo e tamén cos distintos grupos que forman a corporación municipal.
A Plataforma Pro-Auditorio queren que este proxecto sexa definitivo. Afirman que levan anos de espera. En outubro de 2015, o Goberno do Estado anunciara que se destinaban case cinco millóns de euros para a construción do edificio cultural e agora esperan que se poida facer realidade.
Entenden, desde este novo colectivo, que o centro debe dar resposta ás necesidade das distintas asociacións culturais e sociais de Marín, desde exposicións a recitais pasando por talleres e outras actividades. Denuncian que as agrupacións musicais como a banda de música e corais son as que sofren unha maior falta de espazo.