25 anos reivindicando a arte en feminino
Por Redacción
Dar visibilidade aos traballos de diferentes artistas e promover unha reflexión en torno ás relacións existentes no binomio-arte muller é desde hai un cuarto de século o obxectivo central de Voilà la Femme, a exposición, comisariada por Celeste Garrido, que na noite deste xoves celebrou a inauguración da súa XXV edición.
Fíxoo reunindo no Ateneo Santa Cecilia de Marín as obras de artistas e alumnas de Belas Artes como Andrea Torres, Jugatx Astrokia e Noelia Prado, xunto ás creacións de Tania Crego, Reme Remedios e a artista portuguesa e profesora da Escola de Artes da Universidade de Évora Manuela Cristovao.
Foi en 1992, cando da man da artista e docente Paloma Cabello e coa colaboración do tamén profesor na Facultade de Belas Artes Antón Castro, se celebrou por primeira vez unha exposición que neste 2018 alcanzaba 25 anos de traxectoria.
Así o lembraba Celeste Garrido, integrante do grupo de investigación ES2 de Belas Artes, que dirixen Yolanda Herranz e Jesús Pastor, no acto da apertura dunha mostra coordinada por Belén Diz, que reúne unha serie de obras de diferentes temáticas e disciplinas.