'Luces alén do mar', unha exposición sobre a contribución da emigración galega ao ensino
Por Redacción
A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acolle a exposición 'Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia'. A colección de case 40 paneis rescata a contribución ao ensino de parte dos emigrantes galegos, e poderá visitarse dende este luns ata o venres.
As 546 sociedades e colectivos de emigrantes que xurdiron en múltiples países do continente americano puxéronse o obxectivo de mellorar a educación alá de onde tiveron que emigrar un día. Conseguiron abrir un total de case 250 escolas, legando un futuro mellor ás novas xeracións.
Nun período que abrangue dende 1904 ata o inicio da Guerra Civil, as accións levadas a cabo por estes movementos lograron mellorar a elevada taxa de analfabetismo que sufría a comunidade, como expón o comisario da mostra, Vicente Peña, profesor da Universidade de Santiago.
Antes de visitar a exposición, o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, o decano, Vicente Romo, e o director da Área de Extensión Cultural, Manuel Morquecho, reuníronse nunha conferencia xunto a Peña e Jorge Soto, profesor da facultade a cargo da iniciativa, na que se abordou o "labor filantrópico dos indianos que fixeron fortuna en América", como explicou Pena, aínda que a mostra está máis centrada nas accións das sociedades microterritoriais e os efectos das mesmas.
Como avanza Eduardo Muñiz no Duvi, a exposición está promovida polo Consello da Cultura Galega e o Arquivo da Emigración de Galicia coa cooperación da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta.