Sés, Terbutalina e Barbitúricos estarán na quinta edición do Rockin' Vila
Por Redacción
10 e 11 de agosto. Son as datas escollidas para a celebración en Vilanova de Arousa da quinta edición do festival Rockin' Vila. Nel estarán, segundo desvelaron os seus organizadores, Sés e as bandas Terbutalina e Barbitúricos.
O festival terá lugar coincidindo unha vez máis coa Festa do Mexillón e o Berberecho, ofrecendo a mellor música galega e nacional.
A filosofía do festival segue a ser a mesma dende os seus inicios: facer gozar ao público de dous días cheos de música, apoiar e difundir a cultura galega e fomentar o asociacionismo da xuventude da vila. Todo isto no mellor ambiente, con zona de acampada fronte á praia e actividades para todos os públicos.
As primeiras confirmacións están encabezadas por Sés, unha das artistas máis representativas do panorama musical galego pola forza das súas letras e a calidade da súa música.
Con ela estarán Terbutalina, que presenta este sábado o seu novo disco, e Barbitúricos, unha banda formada por catro veteranos da escena musical galega.
As entradas estarán á venta online a partir do domingo 11 de marzo e poderanse conseguir a un prezo especial como oferta de lanzamento.
A súa programación completarase con iniciativas para todo tipo de públicos, dende xornadas de lecer para os máis pequenos ata actividades na zona de acampada para amenizar as tardes dos festivaleiros.