As obras 'Aida' e 'Norma' centrarán o Festival Internacional de Ópera Cidade de Pontevedra
Tras o éxito de anos anteriores, o día 9 de marzo comezará a terceira edición do Festival Internacional de Ópera Cidade de Pontevedra. Iniciarase coa obra 'Aida' e concluirá coa representación de 'Norma', ámbalas ás 20:30 horas na Sede Afundación. Os abonos para as dúas funcións xa están esgotados, pero as entradas para un só día aínda poden adquirirse en Ataquilla.com.
'Aida', do compositor italiano Giuseppe Verdi, representarase o día 9 de marzo cun equipo de case 100 persoas. O papel de Aida estará interpretado pola soprano Iaia Tso (Taiwan) e o de Radamés, polo tenor Simone Frediani (Italia). Xuntos transportarán o público á época de faraóns de Menfis e Tebas para coñecer a tráxica historia de amor dos seus personaxes.
O día 22 de marzo, representarase 'Norma', do compositor Vicenzo Bellini. A soprano Mariana Ortiz (Venezuela) encarnará o papel de Norma, mentres que o tenor Javier Argulló (España) representará a Pollione. Esta traxedia lírica narra o amor entre os dous personaxes na Galia do século I a. C.
A posta en escena de ambas estará a cargo da Orquestra e Coro da Ópera Nacional de Moldavia e estarán traducidas simultaneamente ao castelán.