Volve a Aña urbana, ou como facer música co sacho
Por Oskar Viéitez
Pontevedra acollerá este sábado, 27 de abril, a terceira edición da Aña Urbana que pretende dar a coñecer esta actividade vinculada ás actividades agrícolas da primavera. Eran traballos con carácter comunitario que soían rematar cunha merenda e unha festa na que participaban todos aqueles que asistían á sementeira, por exemplo.
Para celebrar esta Aña urbana, a Concellaría de Festa en colaboración coa Asociación Cultural Trepia organiza este xoves, 25 de abril, a partir das 20.00 horas unha mesa rendonda para coñecer as investigacións feitas arredor da Aña. Participarán Guillerme Ignacio, Coela Fernández de Louleada, e dúas veciñas de Seixedos (Barcia de Mera, Covelo).
O día da Aña Urbana será o sábado, 27, e arrancará a partir das 11.00 horas coa apertura da Feira de artesáns e oficios tradicionais na praza do Teucro.
A partir das 11.30 horas comezará o roteiro dos grupos de música que participarán na Aña e que estarán na praza do Teucro, Verdura, Abastos, Ferraría, Peregrina, Oito de marzo e Curros Enríquez. Participarán neste roteiro os seguintes grupos: Tanxedoras do Pandeiro de Vigo, Chorouvía de Vigo, Pandereteiras Ghandainas do Alcabre, Escola de baile da A.C.F. Tarambainas, Grupo de música e baile tradicional Os Muíños de Oliveira de Ponteareas, Pandereteiras de Trompos ós pes (Marín), Pandereteiras do Suído (A Lama), Pandereteiras Rexubeiras (A.C. Trépia), e Escola da A.C. Trepia.
Ás 18.00 horas iniciarase un obradoiro aberto de baile tamén na praza do Teucro, e ás 19.00 horas, no mesmo lugar, actuacións dos grupos que pola mañá participan no roteiro. O serán da Aña Urbana comezará ás 20.30 horas.