A Casa da Luz acollerá as VI Xornadas sobre o entroido de Galicia
Os días 23 e 24 de febreiro celebraranse as sextas Xornadas sobre o entroido de Galicia, que terán lugar na Casa da Luz de Pontevedra. Estas xornadas supoñen unha iniciativa de divulgación e valorización da cultura galega e a súa festa máis importante, o entroido.
A Sociedade Antropolóxica Galega presenta unha axenda dividida en dúas xornadas. A primeira céntrase nos investigadores do entroido e, a segunda, dá voz ás persoas que manteñen viva esta festa.
O venres 23, ás 18:30 horas comezarán as xornadas cunha conferencia de Daniel González sobre o entroido de Bandariz, presentando un audiovisual dos anos 70. Portugal estará representado por José Carlos Pires, mostrando o entroido de Serra d' Arga. Ás 20:15 horas, Roberto de la Torre poñerá fin ao primeiro día cunha exposición fotográfica, “Mascaradas da invernía na Península Ibérica”.
O sábado 24 ás 18:30 horas, Juan Carlos González e Iván González falarán do entroido en Santiago de Arriba (Chantada). Rita Blanco representará aos Felos de Maceda ás 19:15 horas. A continuación, Maika Rodríguez Domínguez tratará a figura do Toteiro.
De forma paralela a estas charlas, terá lugar unha exposición fotográfica chamada 'O entroido de Galiza', tamén na Casa da Luz.
Rafael Quintía, presidente dá Sociedade Antropolóxica Galega e coordinador do programa, indica que o entroido está a sufrir 'atentados' baixo unha campaña de destrución do patrimonio inmaterial a través de denuncias contra a sátira. Lembra que a sátira e a parodia son compoñentes fundamentais do entroido e sinala que estes 'atentados' incumpren a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, o Estatuto de Autonomía e a Constitución Española. Nela ditamínase que as competencias da Xunta de Galicia teñen que velar polo patrimonio cultural do pobo.