Ponteatro prolóngase ata primavera achegando ao Principal 'Nacidas libres' e 'Casa O'Rei'
O departamento de Cultura do Concello prolonga o ciclo Ponteatro ata primavera. Incorpora 'Nacidas Libres', de Contraproducións, para o mércores 7 de marzo e 'Casa O'Rei', de Ibuprofeno Teatro, para o xoves 3 de maio.
Este ciclo, que ten lugar no Teatro Principal os xoves ás 21.00 horas, modificou a data da primeira representación, 'Nacidas Libres', debido a que as actrices de Contraproducións secundarán a folga do 8 de marzo.
Esta primeira obra, conta como catro actrices que atravesan idades críticas, fartas de non recibir ofertas de traballo, deciden tomar as rendas da súa vida laboral e montar elas mesmas unha peza. En vista de non atopar textos para catro mulleres, arríscanse a promovelo elas e encargarlle o guión a unha escritora nova que vive emigrada. A trama sae a partir dunha noticia que atopan no xornal: A policía rescata tres monxas indias retidas contra a súa vontade nun convento de clausura en Santiago.
Será o tres de maio cando poderemos gozar do espectáculo 'Casa O'Rei', que completa a triloxía gastronómica de Ibuprofeno.
Este é un texto de Santiago Cortegoso, que propón un xogo escénico e dramatúrxico a partir de 'Rei Lear' de W. Shakespeare, cunha ambientación situada nunha casa de comidas galega.
Manolo Rei, vello e enfermo, prepara cocido e reúne a súa familia. Sempre usa como excusa a comida, sendo esta vez para repartir a Casa entre as súas tres fillas. Pero este será un cocido cargado de traizón e desprezo. O tempo, o destino e o Burger King son implacables coa sorte dos mortais que non saben seleccionar os ingredentes adecuados para elaborar as recetas da súa vida.
Ambos forman parte dos 15 espectáculos e 27 funcións contratadas a través da rede Galega de Teatro para o primeiro semestre de 2018.
As entradas anticipadas están xa a venta nas canles habituais, Ticketea e o despacho da Casa da Luz.