'A beleza oculta' pode atoparse no Sexto Edificio do Museo
Por Redacción & Mónica Patxot
O Museo de Pontevedra acolleu este venres a inauguración da exposición 'A beleza oculta', unha mostra que recolle 19 pezas procedentes dos fondos permanentes do Sexto Edificio que cuestionan, desde diversas ópticas, o concepto de beleza.
Trátase dunha iniciativa, coordinada polo colectivo Taller Aberto e polo gabinete didáctico do Museo, que pretende achegar a arte ao público máis novo dunha maneira activa e consciente, e por iso trátase dunha exposición comisariada por nenos. En concreto, por nenos e nenas de entre 8 e 12 anos.
Todos eles, 13 en total, estiveron presentes na inauguración acompañados das integrantes de Taller Aberto, Marta Guirado Aramburu, Ana Barreiro Blanco e África Martínez Barreiro, das responsables do gabinete didáctico do Museo, Paula Tilve e Lourdes Parada, do director do Museo, Carlos Valle, e do deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.
"Neste proxecto aprendemos que o proceso importa tanto como o resultado, e que traballar en equipo non suma, senón que multiplica", sinalou unha das comisarias da mostra, Nuria García.
"Facer unha exposición non é fácil pero si divertido", sinalou tamén Clara Prado explicando que "deseñamos as salas, pensamos as instalacións, o cartel e os textos".
A exposición 'A beleza oculta', incluída no programa de exposicións temporais do ano 2018 e composta na súa totalidade por obras pictóricas de estilos e épocas moi diversas, permanecerá aberta no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra ata o próximo 18 de marzo.
O equipo de comisarios e comisarias está formado por: Antía González Arias, Clara Prado Barros, Emilio Basanta Vázquez, Guillermo Lariño Salaberri, Inés Fariña González, Iria Flavia Mesa Zaldívar, Manuela Alfaro Manovel, Manuela Sendín Caneda, Nicolás Rozas Martínez, Nuria García González, Pablo Paz Dias, Pelayo Mesa Zaldívar e Quique Muiños Couto.