O Teatro Principal acolle o novo ciclo de cine documental DocsBarcelona
O proxecto DocsBarcelona chega coa fin de aumentar a oferta cultural da cidade. Para iso, o Teatro Principal abrirá as súas portas de forma gratuíta, ata completar aforamento, a todo aquel que queira gozar dos 10 documentais que se emitirán ao longo do ano.
Trátase dunha iniciativa entre a Vicerreitoría de Pontevedra e o Concello, representados este mércores por Carmen Fouces, concelleira de cultura; Juan Manuel Corbacho, vicerreitor do campus de Pontevedra e Manuel Morquecho, director da área de Extensión Cultural do campus.
Manuel Morquecho foi o encargado de porse en contacto coa compañía audiovisual Parallel40 (pertenecen á Asociación de Produtores Independentes de Cataluña (APIC) e do European Documentary Network (EDN)) e traer o ciclo de documentais a Pontevedra. É a segunda cidade galega, xunto coa Coruña, onde se poderán visionar.
As proxeccións terán lugar o terceiro luns de cada mes ás 20:30 horas, fóra de febreiro, que acollerá dous documentais, a causa do atraso no comezo das emisións.
O ciclo abrirase o día 12 de febreiro co documental que foi candidato a un premio Goya 'Amazona'. Narra a historia dunha muller abandonada ao nacer que busca a súa nai na selva amazónica.
O segundo documental deste mes terá lugar o día 19 con 'Machines', onde se trata a explotación laboral de traballadores nas fábricas de países en vías de desenvolvemento.
'Grazas pola choiva' fala sobre o cambio climático e as súas consecuencias. Poderase ver o día 19 de marzo.
A concelleira de Cultura sinalou que, a pesar do reducido orzamento de 1.800 euros, pódese ofrecer ao público unha programación cultural de calidade.