María Castro, Daniel Guzmán, Miren Ibarguren e Álex Barahona abren a tempada de teatro de Afundación
Por Redacción & Diego Torrado
Catro actores moi populares do cinema e a televisión xuntáronse en Pontevedra para abrir a tempada de teatro de Afundación. E fixérono con éxito. Centos de persoas acudiron ao auditorio da entidade para gozar dunha divertida función.
Tratábase de Dos más dos, unha comedia protagonizada por María Castro, Daniel Guzmán, Miren Ibarguren e Álex Barahona.
Esta obra é a adaptación teatral da película homónima arxentina que foi todo un éxito no ano 2012. Sobre o escenario, dúas parellas de amigos que ao achegarse aos corenta xa conseguiron o éxito profesional e persoal. Unha delas propón á outra practicar o intercambio de parellas.
É o punto de partida dunha obra que provocou as gargalladas no público pontevedrés e que serviu para que Afundación inaugure unha programación teatral que se estenderá ata o próximo mes de xuño.