Depedro, Christina Rosenvinge e La Habitación Roja, de vermú dominical en Vilagarcía
Por Redacción
Cun cartel potente, composto por artistas xa consagrados e de plena actualidade no panorama musical como Christina Rosenvinge, La Habitación Roja ou Depedro. Así chega a Vilagarcía de Arousa unha nova edición do ciclo musical Achégate ao Salón.
O grupo La Habitación Roja será o encargado de abrir o ciclo o 4 de febreiro, mentres que o 4 de marzo será Depedro quen suba ao escenario da emblemática sala de Vilagarcía.
A cantante e compositora Christina Rosenvinge porá o broche de ouro ao programa Achégate ao Salón coa actuación que ofrecerá o 8 de abril.
Todos os concertos celebraranse en domingo, ás 13.00 horas e no Salón García.
A oferta, xa de por si interesante pola calidade musical, conta co atractivo engadido de contar cun prezo reducido (7 euros entrada individual e 15 o bono para os tres concertos) e de ser de balde para desempregados e menores de 16 anos que acrediten a súa condición.
Achégate ao Salón é un programa ideado como elemento dinamizador para achegar distintos estilos de música ao público de todas as idades, é dicir, a todas aquelas persoas, familias ou grupos de amigos que se topen polas rúas un domingo a mediodía.
Ademais de ampliar a oferta musical da cidade, o programa de concertos matutinos pretende ser un atractivo que active o sector hostaleiro os domingos pola mañá.
As entradas poden adquirirse por anticipado a través da billeteira telefónica 902 044 226 e da web ticketea.com.