A fotografía, desde sete puntos de vista na Casa das Campás
Por Redacción
A exposición 'Atelier f22' reúne desde este luns 22 de xaneiro na Casa das Campás o traballo fotográfico de sete artistas formados ou que se están a formar na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A mostra está promovida por dúas alumnas deste centro, Sol Mussa Juane e Marta Pereira.
A mostra inclúe sete xeitos distintos de traballar coa fotografía, entre elas, a fotografía analóxica en branco e negro, o collage, a fotografía dixital ou intervencións pictóricas sobre a imaxe.
As comisarias promoveron esta exposición como parte dun traballo para a materia 'Xestión, ámbitos artísticos e mundo profesional'. Contaron coa participación de Pilar Picas, Miguel Rózpide e Ana Sánchez con fotografía analóxica; o egresado Adrián Cevert con traballos de collage; as intervencións sobre fotografía dixital de Diego del Río; e Mónica Pascual e Carla Blanco, dúas estudantes procedentes de Madrid e Barcelona, respectivamente, con fotografía analóxica e dixital.
Marta Pereira explica que o punto de partida da exposición foi amosar "como traballan outros alumnos e alumnas desde diferentes perspectivas" e dar a coñecer o traballo dos artistas emerxentes que se forman na facultade. Mussa Juane engade que esta mostra colectiva "explora o amplo mundo das técnicas fotográficas, desde as máis tradicionais, como o analóxico, ata a fotografía dixital sobre diferentes soportes e a fotografía intervida".
A exposición inaugúrase este luns ás 19.00 horas, coincidindo con outra actividade impulsada polo alumnado de Belas Artes, a segunda Conversa con artistas que promoven Verónica Quinteiro, Miguel Pérez e Andrés Seoane, na que os protagonistas son o profesor Manuel Dimas e o artista pontevedrés Manuel Ruibal. Poderá visitarse neste espazo ata o venres 2 de febreiro.