Unha exposición de Ruth Matilda Anderson retrata en Afundación a Galicia dos anos 20
Por Redacción
O vindeiro xoves 2 de febreiro Afundación inaugurará na súa sede pontevedresa do Café Moderno a exposición 'Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia', unha mostra con forografías da prestixiosa institución neoiorquina The Hispanic Society of America que se achega á Galicia dos anos 20.
As imaxes seleccionadas pertencen ao relato documental que Ruth Matilda Anderson, fotógrafa e conservadora estadounidense da Hispanic Society of America, elaborou durante as súas dúas viaxes de investigación en Galicia entre os anos 1924 e 1926 a instancias do fundador da citada sociedade, o filántropo e hispanista Archer Milton Huntington.
Durante estas dúas estancias, buscou e recompilou evidencias dos costumes do pobo galego, dedicándose ao que resultaba máis difícil: documentar a vida das xentes, en especial das zonas de complicado acceso. Ata entón, nin as actividades da poboación traballadora do campo e do mar nin a cultura material de Galicia foran obxecto de principal atención para a fotografía de modo tan exhaustivo.
A mostra, que permanecerá en Afundación ata o 21 de abril, supón un repaso pola mirada de Anderson sobre Galicia nunha etapa de transición na que entraron en Galicia potentes aires de cambios procedentes de Europa da man dos intelectuais do grupo Nós.
Durante esa estancia, Anderson aprendeu as linguas galega e castelá e os costumes, dirixiuse ás aldeas e falou coa xente. O seu trato tan próximo coas mulleres e homes de Galicia favoreceu que o seu traballo reflectise con tanto coidado e empatía a realidade galega dos anos vinte.
The Hispanic Society of America atesoura a colección de arte hispana máis importante fora do territorio español e o pasado ano foi galardoada co Premio Princesa de Asturias de Cooperación Internacional.
A exposición poderá visitarse de luns a venres en horario de 17.30 a 20.30 horas e os sábados de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30 horas